Colocación e formas dos pronomes átonos en galego
O pronome átono pode aparecer posposto (enclítico) ou anteposto (proclítico) ao verbo dependendo de diversas circunstancias. A posición non marcada é a enclítica: cando non hai ningún elemento lingüístico que obrigue ao contrario, o pronome vai posposto ao verbo (Chegouche con ese prato de comida?).
Casos en que o pronome se antepón ao verbo
- En enunciados negativos:
- Non vos permito que vaiades con eses contos por aí.
- Ninguén me dixo que hoxe había cea de empresa.
- Nas interrogativas e exclamativas introducidas por pronome ou adverbio interrogativo ou exclamativo:
- Quen lle mandou facer iso?
- Que xeitosa vos quedou a cociña!
- Nas cláusulas subordinadas:
- Meu irmán aseguroume que o había intentar.
- Cando nos matriculamos xa non quedaban prazas para elixir esa materia.
- Se me chama Paulo dille que non estou na casa.
- Regaláronlle a moto porque a precisaba para ir ao instituto.
- Cando a secuencia vai iniciada por algúns adverbios e indefinidos como xa, sempre, só, moito, todo, tanto, mesmo, seica, algo, bastante, máis, tamén…:
- Moito vos aburriades aquelas tardes de inverno.
- Todos che contan a mesma historia.
- Seica lle deron un posto de vixilante nun aparcadoiro.
- Tamén a solicitaron os de Lugo, pero non llela deron.
- Algo me teñen dito dun novo dicionario.
- Adverbios polisémicos que, dependendo do significado, provocan a énclise ou próclise do pronome:
- Logo nos dan as notas / Agora nos dan as notas (‘axiña’).
- Logo dannos as notas (‘despois’ ou ‘polo tanto’).
- Agora dannos as notas (‘neste momento’).
Os adverbios aquí, aí, alí obrigan á anteposición do pronome cando se produce unha deíxe moito máis marcada e unha entoación enfática: Aí che queda o libro que me prestaches.
Colocación do pronome co infinitivo e co xerundio
- Nas perífrases e grupos verbais con infinitivo ou xerundio, o pronome pode acompañar o verbo auxiliar na posición que lle corresponda segundo as regras xerais ou pode ir co auxiliado en posición enclítica:
- Quéreo vender antes do verán. / Quere vendelo antes do verán.
- Estaba coméndoo. / Estábao comendo.
- Non o quere vender antes do verán. / Non quere vendelo antes do verán.
- Non o estaba comendo. / Non estaba coméndoo.
- Se na perífrase verbal o auxiliar e o auxiliado están relacionados por medio dun nexo (preposición ou conxunción), o pronome pódese colocar tamén en posición proclítica respecto do infinitivo:
- Haino que arranxar; hai que arranxalo; hai que o arranxar.
- Non o hai que arranxar; non hai que arranxalo; non hai que o arranxar.
As formas átonas do pronome persoal
| Número e persoa | Non reflexivas | Reflexivas | |||
|---|---|---|---|---|---|
| Dativo | Acusativo | ||||
| Singular | 1.ª persoa | me | me | me | |
| 2.ª persoa | che | te | te | ||
| 3.ª persoa (e cortesía) | lle | o, lo, no (masc.) | a, la, na (fem.) | se | |
| Plural | 1.ª persoa | nos | nos | nos | |
| 2.ª persoa | vos | vos | vos | ||
| 3.ª persoa (e cortesía) | lles | os, los, nos (masc.) | as, las, nas (fem.) | se | |