Significado Nacionalista de Na Noite Estrelecida de Cabanillas
Significado nacionalista de Na Noite Estrelecida
Na noite estrelecida, publicada en 1926 con ilustracións de Castelao, é a obra máis importante de Cabanillas, pois nela intenta recoller o relevo de Pondal e concienciar o pobo galego sobre a súa función na Historia. Con este fin, retoma as lendas celtas da materia de Bretaña para mostrar ao pobo o seu pasado glorioso e mentalizalo da necesidade de loitar por un futuro esperanzador. Nesta obra Cabanillas combina o lirismo e o espírito cívico enxalzando claramente que é poeta e galego.
Mitos e símbolos de identidade en Cabanillas
Para infundir esta necesidade de loitar polo futuro de Galicia, Cabanillas recorre á creación de mitos e símbolos de identidade relacionados coa historia da nosa terra:
- A saudade: En primeiro lugar, engade o sentimento da saudade, tan peculiar dos galegos, que nos leva a identificarnos co personaxe, os seus sentimentos e o entorno natural, de modo que se galeguizan os personaxes nas vivencias e na ideoloxía.
- Personaxes célticos e galegos: O segundo elemento é a caracterización dos personaxes, sempre de orixes celtas e galegas, cun fin ideolóxico e nacionalista.
- Argumento cívico e social: Por último, adáptase o argumento para cumprir a finalidade cívica, social e mesmo política da obra.
Estilo e estética ao servizo da nación
Cabanillas tamén orienta os trazos de estilo desta obra á finalidade social e cívica da mesma. Fai unha exaltación de Galicia e dos valores que se relacionan coa identidade galega a través de alusións ao pasado celta e da identificación de elementos da materia de Bretaña con Galicia.
Non obstante, tamén busca unha poesía coidada e artística, sen deixar de lado a vontade estética da obra, de aí a importancia da adxectivación. Salienta asemade a combinación de elementos épicos e líricos, así como o emprego de símbolos nacionalistas a partir de elementos celtas e da relación de personaxes, lugares e paisaxes galegas para identificar Galicia co mundo celta.
Cristianización de elementos pagáns
Mesmo emprega elementos pagáns que aparecen cristianizados:
- O Graal é o cáliz.
- A aguia é a ascensión mística.
- A espada é a cruz.
- Artur é o novo Mesías...
Todo isto sempre buscando a adaptación dos mitos da Bretaña á cultura e historia galegas para servir a súa finalidade cívica e social.