Teatro galego: do rexionalismo ás vangardas
1. Teatro rexionalista
As primeiras mostras de teatro do s. XX relaciónanse coa preocupación dos rexionalistas por este xénero. Así, en 1903 crearon a Escola Rexional de Declamación, co obxectivo de estimular a produción teatral e aumentar o prestixio social da lingua. Aínda que esta escola só durou ata 1905, representou obras de diversos autores, entre as que destaca A ponte (1903), de Lugrís Freire, que supuxo unha ruptura coa produción anterior polo emprego dun galego contemporáneo, polo uso da prosa (xa que foi o primeiro drama galego escrito en prosa) e pola crítica social contra as inxustizas que cometían os caciques.
A partir de 1915 creáronse coros e agrupacións folclóricas en distintos puntos de Galicia que representaban pequenas pezas teatrais, sen complicacións escénicas, que incluían tipos populares ou reivindicacións rexionalistas ou as dúas conxuntamente.
2. O teatro das Irmandades
A actividade teatral destes coros e agrupacións folclóricas foi un bo caldo de cultivo para que as Irmandades dirixisen a súa atención ao teatro. En 1919 fundaron o Conservatorio Nacional do Arte Galego, que se estreou coa obra de Cabanillas, A man de Santiña, en 1921. Esta obra acabou cos tópicos da época anterior: non hai caciques, nin meigas, nin rapazas labregas asediadas, senón que presenta a lingua galega por primeira vez na boca das clases altas e rodeada de cultura e distinción. Ademais, transmite mensaxes en contra da emigración e a favor da fidalguía preocupada pola terra.
No ideario das Irmandades entendíase o teatro como vehículo para a dignificación da lingua e a expansión ideolóxica nacionalista, pero non todos os membros o entendían do mesmo xeito, de forma que se pode falar de dúas tendencias na creación dramática:
- a) Corrente conservadora: inclúe autores como Xesús San Luís Romero (O fidalgo e Rosiña) e Xavier Prado Lameiro, autor de sainetes cómicos (Monifates e Farsadas).
- b) Corrente renovadora: aposta por un teatro máis moderno e culto. Nela cómpre destacar Ramón Cabanillas, autor de A man de Santiña, que colaborou con Villar Ponte en O Mariscal, obra en verso de inspiración modernista que transmite a ideoloxía nacionalista das Irmandades da Fala a través da figura do mariscal Pardo de Cela.
Antón Villar Ponte, autor, entre outras, de A patria do galego (1905), drama en contra do caciquismo e en prol da emigración; Entre dous abismos (1919), na que fala negativamente das supersticións e do matrimonio; e Almas mortas, que trata a influencia desgaleguizadora de América nos nosos emigrantes.
Armando Cotarelo Valledor intenta crear un teatro culto e moderno, superador do costumismo e do ruralismo. Na súa produción teatral pódense establecer catro ámbitos: teatro labrego, con obras como Trebón (1922); teatro histórico, con Hostia (1926); teatro mariñeiro, no que cabe destacar Beiramar (1931); e teatro pacego, coa comedia sentimental Sinxebra (1923).
E Leandro Carré Alvarellos defendía un teatro máis urbano e refinado, con pezas máis longas e elaboradas. Escribiu máis de 50 pezas, entre as que destacan Tolerías (1917), Para vivir ben casados (1918) e Rexurdimento (1918).
3. O teatro das vangardas
A todos os problemas que xa de por si tiña a produción dramática galega engadiuse nesta época outro máis: a represión que sufriu o teatro galego durante a ditadura de Primo de Rivera, que comezou en 1923.
O principal autor de teatro vangardista foi Rafael Dieste, quen introduciu a dramaturxia galega na modernidade, evitando o tradicionalismo e o costumismo. Preocupouse pola estilización e achegou o teatro ás artes plásticas. Todo nas súas obras ten significado: os movementos, a luz, os decorados, as pausas… todos actúan como símbolos.
Escribiu unha obra breve titulada O drama do cabalo de axedrez e A fiestra valdeira (1927), comedia simbolista na que se expón o conflito entre un indiano que volve rico da emigración e a súa muller e a filla, que se avergonzan da orixe humilde do pai, polo que o convencen para falsificala simbolicamente a través dun retrato que encarga que lle pinten.
4. O teatro da época Nós
Elevaron o teatro galego ás cotas máis altas coñecidas ata entón. Vencellados ao nacionalismo e ao europeísmo, achegaron o xénero dramático a movementos modernistas como o simbolismo e o expresionismo. Procuraban seguir o modelo do «teatro da arte», que implicaba a estilización de todos os elementos (linguaxe, mímica, música, pintura, iluminación…), sen esquecer elementos propios como o celtismo, o atlantismo e os modelos culturais de Portugal e Irlanda.
- Vicente Risco: autor dunha soa obra teatral, O bufón de El-Rei (1928), drama en catro pasos que se desenvolve na época medieval e no que fai unha reflexión sobre a relación entre a deformidade física e a deformación moral.
- Otero Pedrayo: neste primeiro terzo de século escribiu dúas obras de teatro: A lagarada (1929), traxedia que supuxo un paso de xigante na dramaturxia galega ao introducir digresións líricas e elementos fantásticos, e Teatro de máscaras (1975), conxunto de pezas de tendencia simbolista nas que repite os motivos do resto da súa obra: a fidalguía, o progreso, a morte, a presenza do fabuloso e do irreal e a referencia a culturas estranxeiras.
Os vellos non deben de namorarse comezou a escribila Castelao en 1931 e rematouna en 1939 estando en Nova York. Ademais, non foi estreada ata 1941 en Bos Aires, polo que hai que incluíla noutra etapa distinta.