O Rexurdimento e a Lingua Galega no Século XIX

Griechisch23,95 KB

Contexto socioeconómico no século XIX

No século XIX, o Reino de España recentralizouse: realizou unha división provincial totalmente artificial (sen ter en conta as fronteiras dos antigos reinos) á vez que aplicou unha política de uniformización cultural e lingüística a través da Igrexa, da educación, da administración, etc. A industrialización en Galiza case non tivo impacto, pois a pouca que se realizou foi con capital foráneo e producía fundamentalmente para fóra do noso país, co que a poboación galega seguiu sendo esencialmente rural (no 1900: sobre o 90%); era unha agricultura moi atrasada e pouco produtiva, que tiña como maiores atrancos o minifundismo, o sistema dos foros e a presión do novo Estado (presión fiscal, militar e demográfica). Como consecuencia deste panorama económico e perante a ausencia de oportunidades no seu propio país, moitos galegos e galegas tomaron a decisión de emigrar. Durante o século XIX abandonaron Galiza arredor dun millón de persoas.

Presenza e ausencia dos textos en galego (1800-1863)

Na primeira década do século XIX, a guerra contra os franceses provocou escritos que procuraban o apoio popular contra o invasor; para que fosen entendidos pola poboación rural —a maioritaria— escribíronse en galego. Temos neles os primeiros textos «propagandísticos» da nosa lingua. Cando en 1820 Fernando VII se ve na obriga de renunciar ao absolutismo —durante o Trienio Liberal—, aparecerá unha literatura en galego a xeito de propaganda liberal, literatura esta que sería eliminada na Década Ominosa, cando Fernando VII retomou o absolutismo mercé aos «Cen Mil Fillos de San Luís».

Durante o reinado liberal de Isabel II chegaron as ideas do Romantismo e a súa exaltación dos caracteres diferenciais dos pobos, nacendo un certo galeguismo que se manifestou politicamente en 1846 para conseguir un poder autónomo galego, co resultado do fusilamento dos promotores —os Mártires de Carral, ou primeira xeración galeguista «provincialista»— e a represión contra os implicados. Nos anos seguintes tería lugar unha nova vaga romántica de ideoloxía máis social, co que naceu unha segunda xeración galeguista «rexionalista» —a do Banquete de Conxo, con Rosalía de Castro, Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Curros Enríquez...— que moi pronto centraría o seu labor no ámbito cultural. Serán os artífices do renacemento da literatura galega. Podemos sinalar a data deste Rexurdimento da nosa literatura no ano 1863, que é cando Rosalía de Castro decide publicar —animada por Murguía— Cantares gallegos.

Estratexias para a normalización da lingua galega

En Galicia a situación diglósica consolidouse, seguindo a ser o uso dunha determinada lingua o que evidenciaba o estatus social do falante (castelán = clase alta, galego = clase baixa). Isto afectaba non só ás elites (nobreza, alto clero, burguesía, fidalguía...) senón tamén a aqueles que querían aparentar un estatus superior ou que tiñan pretensións de ascender na escala social. Malia a isto, a cifra de monolingües en galego era absolutamente maioritaria (no ano 1877 estaba aproximadamente nun 90%). Con este panorama, as liñas de actuación básicas que levaron a cabo os defensores da normalización da lingua galega (a nivel escrito, oral, social, académico, científico, etc.) centráronse en tres puntos básicos:

  • Recuperar o prestixio da lingua: Lembremos que desde os Séculos Escuros era considerada como un dialecto «basto», «tosco»…, falado unicamente por xentes de baixa extracción social e escasa ou nula formación académica. Este obxectivo, aínda que moi modestamente, foi acadado (ou, cando menos, deu un paso cara adiante moi importante).
  • Recuperar os usos escritos: Os considerados como «cultos», practicamente desaparecidos desde o século XV. A poesía foi a pedra angular nos comezos deste proceso (pois o estadio poético é o primixenio de todas as literaturas e o que máis axiña conecta co pobo). O xornalismo foi tamén unha baza fundamental, dando a posibilidade de publicación de pensamento galego (non sempre en galego) e mesmo de literatura; ademais, o prestixio da imprenta axudoulle ao idioma galego a gañar estima.
  • Procura de cambios políticos: Pretendíanse cambios que axudasen a esta recuperación e normalización. Por este motivo, a historia da loita pola supervivencia e recoñecemento do noso idioma está tinxida de política; por este motivo moitos dos nosos escritores (de onte e de hoxe) exerceron como políticos.

Dificultades da normalización

As dificultades máis importantes que tiveron os defensores da normalización da lingua galega no século XIX foron as seguintes:

  • Unha altísima taxa en Galiza de poboación analfabeta ou con coñecementos moi elementais de escritura e de lectura. Esta taxa era practicamente absoluta no caso dos monolingües en galego.
  • O atraso social e económico do país, que levou a poboación á emigración.
  • A baixa autoestima dos galegos e galegas.
  • A hostilidade manifesta de persoas e de institucións contra o noso idioma: o goberno español, as delegacións provinciais, a Igrexa católica... Aquel que escribise nunha lingua que non fose o castelán era considerado partícipe dun feito «antiespañol» e mesmo denotador de «ignorancia» ou de «pouca cultura».

Por outra parte, no aspecto estritamente literario, durante a primeira metade do século non se tiña noticia da existencia da literatura medieval galego-portuguesa e, posto que a produción literaria non fora continuada desde os Séculos Escuros, o renacer da nosa literatura escrita foi un novo nacer sen ataduras co anterior. O único vencello coa tradición foi que neste período se seguiu a partir da base da literatura de tradición oral e doutras literaturas europeas (fundamentalmente a castelá). O propio uso do galego era un compromiso co país, polo que se interpretaba a escritura en galego cunha vinculación ideolóxica moi clara que poderiamos chamar galeguista.

Autores precursores do Rexurdimento

Xoán Manuel Pintos Villar: Naceu en Pontevedra no ano 1811, estudou Dereito en Compostela e exerceu a profesión na súa cidade de nacemento. No ano 1853 escribiu unha das obras cume da literatura galega do momento: A gaita gallega tocada polo gaiteiro, ou sea, Carta de Christus para ir deprendendo a ler, escribir e falar ben a lengua gallega (Pregón). Publicaría un pequeno dicionario galego-castelán para a correcta comprensión do seu libro, ademais de composicións soltas na imprenta do momento. Tamén foi autor de poesía, como o soneto «Galicia, boi de palla».

Francisco Añón: Naceu en Outes (A Coruña), un ano despois de Pintos. Despois do acontecido no ano 1846 (a execución dos revolucionarios que acabaron sendo coñecidos como os Mártires de Carral) exiliouse en Portugal, de onde sería expulsado polo «Hymno dos povos», unha composición súa en portugués. Conseguiu traballo como secretario dun lord inglés, circunstancia que aproveitou para viaxar por Europa até que volveu a España (viviu en Andalucía e en Madrid), onde ensinou xornalismo e idiomas, aínda que mantendo sempre contacto coa súa patria. Morrería en Madrid na máis absoluta miseria. A súa obra foi recompilada despois do seu pasamento, destacando o accésit gañado nos Xogos Florais da Coruña no ano 1861 polo seu poema «A Galicia».

Vicente Turnes: O compostelán é o máis vello dos chamados precursores. A pesar de quedar cego aos vinte e sete anos, desenvolveu unha intensa actividade literaria. Foi autor de panxoliñas e vilancicos de Nadal, de poemas nos que celebraba os acontecementos domésticos dos Borbóns, diálogos satíricos con temática política... Algunhas composicións deste escritor aparecen no Álbum de la Caridad.

Nicomedes Pastor Díaz (Viveiro, Lugo 1811 - Madrid 1863): Estudou no seminario de Mondoñedo e cursou Dereito en Compostela (rematando a carreira en Madrid). Na capital do Reino de España acadou certo recoñecemento como poeta romántico en lingua castelá. Na súa época compostelá compuxo dúas obras de estilo neoclásico: a Alborada (de estilo máis puramente neoclásico, onde se ve o tópico do locus amoenus) e a Égloga de Belmiro e Benigno (máis influída polo Romantismo). Froito das súas incursións na vida política foron varios nomeamentos como ministro, á vez que mantivo relación con destacadas figuras do provincialismo galego; precisamente a súa presenza no goberno fixo máis doado o retorno dos exiliados de 1846.

Alberto Camino (Ferrol, séc. XIX): Compuxo vilancicos de Nadal e poemas de carácter romántico. Foi tamén autor de composicións folclóricas moi semellantes ás dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro.

Textos satírico-didácticos e de guerrilla

Durante o primeiro terzo do século XIX apareceron textos en galego con forma satírica e finalidade didáctica para adoutrinar a xente sobre a política do momento. Aínda que os textos (diálogos maiormente) fan uso dun galego popular, os seus autores son persoas de nivel educativo alto.

Diálogo entre dos labradores gallegos afligidos y un abogado instruído, despreocupado y compasivo: Neste grupo de textos teriamos a obra O Tío Farruco. Diálogo entre dos labradores gallegos afligidos y un abogado instruído, despreocupado y compasivo (1823), do avogado ourensán Pedro Boado Sánchez. Unha curiosidade desta obra (común a outras da época e posteriores) é a caracterización dos personaxes en función da lingua, pois os paisanos falan en galego mentres que o avogado faino en castelán. A idea de fondo na obra (que o autor vai documentando) é que a Igrexa católica non ten por que recibir os dereitos de estola ao pé do altar, un dos impostos eclesiásticos que contribuía ao malvivir dos labregos galegos. Aínda que estaba anunciada unha segunda parte da súa obra, esta nunca viu a luz (posibelmente desapareceu no naufraxio no que Boado finou).

Os rogos dun gallego establecido en Londres: Manuel Pardo de Andrade (1762-1832) fixo imprimir na Coruña (no ano 1813 e de xeito anónimo) o romance Os rogos dun gallego establecido en Londres, dedicados aos seus paisanos para abrirlles os ollos sobre certas iñorancias e o demas que verá o curioso leutor. O romance deste crego liberal foi moi popular, e boa proba é que se chegou a reimprimir en varias ocasións. Pardo de Andrade acabaría exiliándose despois do Trienio Liberal, morrendo fóra da súa patria.

Os textos en contra dos franceses: Por primeira vez, encontramos a nosa lingua empregada en textos panfletarios dirixidos aos paisanos galegos para que se levanten en armas contra os franceses.

Un labrador que foi sarxento aos soldados do novo alistamento: O romance Un labrador que foi sarxento aos soldados do novo alistamento é unha chamada aos mozos para loitaren ao servizo da «patria» (española) e da «relixión» (católica). A voz lírica pertence a un petrucio que emprega unha linguaxe moi popular, mais a súa autoría é dunha persoa letrada de ideoloxía conservadora.

Proezas de Galicia: Proezas de Galicia (1810) escribiuno Xosé Fernández Neira (quen participara na guerrilla popular contra os franceses), e narra diferentes combates do autor baixo a aparencia dun diálogo entre dous paisanos chamados Chinto e Mingote. O libro constitúe unha especie de homenaxe ao valor da guerrilla galega na loita contra o invasor (malia o brutal de moitos dos procedementos empregados e considerados lexítimos polo autor). O título completo é: Proezas de Galicia, explicadas baxo la conversación rústica de los dos compadres Chinto y Mingote, por D. José Fernández Neira, oficial que ha sido de número de la Secretaria de la Junta Suprema del Serenísimo Reyno de Galicia. Cor.ª imp.ª de Vila.

Vocabulario: oficios e labores tradicionais

  • Acibecheiro: (De acibeche, do hispanoárabe as-sabay). Quen labra e pole obxectos de acibeche. Cast.: azabachero.
  • Afiador: (a + fío) Quen lle dá gume a un instrumento cortante. O dos afiadores é un oficio ambulante por excelencia, característico da provincia de Ourense. No seu traballo chegan ata recantos moi distantes da súa orixe e talvez por iso, para fortaleceren a comunidade de oficio, crearon o barallete, linguaxe peculiar semellante á de canteiros, telleiros e cesteiros. A roda de afiar e unhas poucas ferramentas —alicates, tenaces, martelo— son o seu medio de traballo, que consiste en aguzar ou amolar coitelos, tesoiras, fouces... É frecuente que compartan esta dedicación coa de paraugueiros, canteiros e cerralleiros.
  • Albanel: Mestre ou oficial de albanelería ou arte da construción.
  • Albardeiro: Quen fai ou vende albardas ou aparellos das cabalarías.
  • Canteiro: Persoa que labra a pedra para a construción.
  • Carpinteiro: Persoa que ten por oficio traballar a madeira e facer obxectos con ela. Os carpinteiros teñen diversas especialidades: o carpinteiro de armar prepara e coloca a armadura dos pisos e as teitumes das casas.
  • Albeite: Persoa que cura enfermidades dos animais sen ter titulación específica.
  • Arrieiro: Persoa que transporta mercadorías con bestas de carga.
  • Boticario: Persoa que prepara e expende menciñas. Sin.: farmacéutico.
  • Cerralleiro: Persoa que vende ou compón pechaduras, chaves, cadeados, etc.
  • Cesteiro: Persoa que fai ou vende cestos e cestas.
  • Chacineiro: Persoa que vende chacina, embutidos e friame.
  • Cirurxián: Persoa que exerce a cirurxía.
  • Cordeiro: Persoa que fai ou vende cordas.
  • Ferreiro: Persoa que ten por oficio traballar no ferro.
  • Oleiro: Artesán que fai olas e outros obxectos de barro. O oficio dos oleiros consiste en facer con barro olas, xerras, cuncas, pratos, tarteiras, pucheiros...
  • Ourive: Persoa que fai obxectos de ouro, prata ou outros metais preciosos.
  • Palilleira: Muller que se dedica a tecer e facer encaixes con palillos.
  • Picheleiro: Fabricante ou vendedor de picheis ou xerras.
  • Tafoneiro: Persoa que vende ou fai pan. Sin.: panadeiro.
  • Talabarteiro: Albardeiro que fai talabartes e outras correaxes.
  • Tecelán: Persoa que ten por oficio tecer.
  • Telleiro: Persoa que traballa nunha telleira elaborando tellas. Os telleiros fan tellas e ladrillos de barro cocido. É un traballo de temporada, no verán.
  • Xastre: Persoa que ten como profesión facer roupa, en principio e sobre todo para homes.
  • Corcoser: (De con + coser, do latín consuere). Coser a rotura dunha tea, unindo os anacos con puntadas ordenadas. Sin.: zurcir.
  • Dobra: Bordo dobrado dun vestido ou de calquera outra tea; basta, prega, prego.
  • Enfiar: (De en + fío). Meter fío ou pasalo polo ollo da agulla; enliñar. Cast.: enhebrar.
  • Escave: (De escavar). Corte feito nunha peza de roupa para adaptala ao corpo, particularmente a abertura feita no lugar onde se asenta a manga.
  • Ganduxo, ganduxar: Costura de puntadas longas coa que se prepara o que se ha coser despois. Sin.: pasar fíos. Cast.: hilvanar.
  • Pespunto: Labor de costura ou bordado en que a agulla forma puntos sobrepostos, seguidos e unidos, que se fai volvendo a agulla cara atrás despois de cada punto, para meter a fibra no mesmo lugar polo que pasou antes.
  • Zarralleiro: 1. Persoa que vende, coloca ou repara pechaduras; cerralleiro. 2. Persoa que arranxa paraugas e utensilios de cociña, etc. É un oficio ambulante. O seu labor non consiste en facer pezas novas, senón en arranxar as vellas.

Conxugación de verbos regulares

Verbos en -ar: botar

Modo Indicativo: PresenteModo Indicativo: CopretéritoModo Subxuntivo: PresenteModo Imperativo
Boto
Botas
Bota
Botamos
Botades
Botan
Botaba
Botabas
Botaba
Botabamos
Botabades
Botaban
Bote
Botes
Bote
Botemos
Botedes
Boten

Bota


Botade
Modo Indicativo: PretéritoModo Indicativo: AntepretéritoModo Subxuntivo: PretéritoFormas nominais
Botei
Botaches
Botou
Botamos
Botastes
Botaron
Botara
Botaras
Botara
Botaramos
Botarades
Botaran
Botase
Botases
Botase
Botásemos
Botásedes
Botasen
Infinitivo: Botar
Xerundio: Botando
Participio: Botado
Modo Indicativo: FuturoModo Indicativo: PospretéritoModo Subxuntivo: FuturoInfinitivo conxugado
Botarei
Botarás
Botará
Botaremos
Botaredes
Botarán
Botaría
Botarías
Botaría
Botariamos
Botariades
Botarían
Botar
Botares
Botar
Botarmos
Botardes
Botaren
Botar
Botares
Botar
Botarmos
Botardes
Botaren

Verbos en -er: comer

Modo IndicativoModo SubxuntivoModo Imperativo
PresenteCopretéritoPresenteImperativo
Como
Comes
Come
Comemos
Comedes
Comen
Comía
Comías
Comía
Comiamos
Comiades
Comían
Coma
Comas
Coma
Comamos
Comades
Coman

Come


Comede
PretéritoAntepretéritoPretéritoFormas nominais
Comín
Comiches
Comeu
Comemos
Comestes
Comeron
Comera
Comeras
Comera
Comeramos
Comerades
Comeran
Comese
Comeses
Comese
Comésemos
Comésedes
Comesen
Infinitivo: Comer
Xerundio: Comendo
Participio: Comido / Comesto
FuturoPospretéritoFuturoInfinitivo conxugado
Comerei
Comerás
Comerá
Comeremos
Comeredes
Comerán
Comería
Comerías
Comería
Comeriamos
Comeriades
Comerían
Comer
Comeres
Comer
Comermos
Comerdes
Comeren
Comer
Comeres
Comer
Comermos
Comerdes
Comeren

Verbos en -ir: vivir

Modo IndicativoModo SubxuntivoModo Imperativo
PresenteCopretéritoPresenteImperativo
Vivo
Vives
Vive
Vivimos
Vivides
Viven
Vivía
Vivías
Vivía
Viviamos
Viviades
Vivían
Viva
Vivas
Viva
Vivamos
Vivades
Vivan

Vive


Vivide
PretéritoAntepretéritoPretéritoFormas nominais
Vivín
Viviches
Viviu
Vivimos
Vivistes
Viviron
Vivira
Viviras
Vivira
Viviramos
Vivirades
Viviran
Vivise
Vivises
Vivise
Vivísemos
Vivísedes
Vivisen
Infinitivo: Vivir
Xerundio: Vivindo
Participio: Vivido
FuturoPospretéritoFuturoInfinitivo conxugado
Vivirei
Vivirás
Vivirá
Viviremos
Viviredes
Vivirán
Viviría
Vivirías
Viviría
Viviriamos
Viviriades
Vivirían
Vivir
Vivires
Vivir
Vivirmos
Vivirdes
Viviren
Vivir
Vivires
Vivir
Vivirmos
Vivirdes
Viviren

O Rexurdimento pleno da literatura galega

Tradicionalmente, consideramos que o Rexurdimento pleno comeza coa publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro en 1863. Será na segunda metade do século cando verdadeiramente poidamos falar do rexurdir da literatura galega escrita. Este longo proceso cultural foi cada vez máis parello a un proceso de concienciación sobre a identidade galega e a unha vertente política deste sentimento.

A obra que consideramos como pedra angular dese Rexurdimento foi a dunha muller (a máis importante poetisa romántica do Estado español): Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro. Os outros dous eixos poéticos do Rexurdimento foron Eduardo Pondal e Curros Enríquez. Outros autores importantes do momento son Valentín Lamas Carvajal e Marcial Valladares. Por suposto, teñen importancia outros persoeiros e outros aspectos da vida cultural do momento.

Características da literatura do Rexurdimento

  1. A poesía como xénero predominante: O xénero por excelencia foi a poesía, por dúas razóns. A primeira é que os primeiros pasos firmes dunha literatura adoitan ser en verso (como acontecera xa na Idade Media), pois acostuman inspirarse na literatura popular de tradición oral, de máis doada memorización. A segunda razón é que a sociedade galega dese momento, en xeral, non creu seriamente que se puidese facer novela ou discurso científico na lingua do país. A literatura dramática apenas está desenvolvida e o ensaio galego practicamente non existe. Malia a isto escríbense obras narrativas de interese (A tecedeira de Bonaval, O castelo de Pambre...).
  2. Carencia de perspectiva histórico-literaria propia: Os escritores parten practicamente de cero á hora de escribir en galego, pois nin sequera coñecían a existencia dos cancioneiros medievais.
  3. Bilingüismo autoral: O escritor tipo é bilingüe (mesmo algúns optan por unha ou outra lingua segundo o xénero, adoitando empregar o galego para a poesía e o castelán para a prosa).
  4. Especificidade fronte ás correntes europeas: A literatura do Rexurdimento mantense á marxe das correntes literarias europeas. A influencia máis directa é a da literatura castelá, aínda que se noten respecto dela importantes diferenzas. Os problemas que sofre Galicia provocan temas específicos na nosa literatura: a defensa de Galicia e os seus signos de identidade (como reacción ao intento de asimilación); o abandono por parte do Estado; a emigración; o caciquismo, a corrupción da administración... xunto con outros temas comúns a outras literaturas non normalizadas: a creación de mitos que sirvan de referente cultural, o ton de arenga a sentir o orgullo de sermos diferentes ao pobo colonizador, e a invitación a conservar o propio como única salvación colectiva.

Herunterladen

PDF Word HTML