Características das vangardas poéticas en Galicia
Eingeordnet in Griechisch
Geschrieben am in
Deutsch mit einer Größe von 5,08 KB
Os escritores galegos vangardistas basearon a súa actitude estética na situación de Galicia dentro do ambiente cultural español e europeo. Non obstante, souberon combinar as influencias exteriores coas súas achegas propias, trazo que os individualizaba, así como o seu espírito universalista herdado da Xeración Nós.
A xeración de 1925
O grupo de poetas máis importante foi a denominada xeración de 1925 (novecentistas para Carballo Calero), integrada por escritores como Manuel Antonio, Luís Amado Carballo ou Luis Pimentel. Para clasificar as vangardas galegas falamos dos ismos galegos: o hilozoísmo, o neotrobadorismo e o creacionismo.
1. O Hilozoísmo
O Hilozoísmo é un estilo poético que nace da combinación da tradición lírica galega de tipo paisaxístico con tendencias novas, sobre todo na busca de novas imaxes. Caracterízase pola personificación de elementos da natureza e pola supresión dos sentimentos e do argumento: o poema debe ser a resposta a unha sensación experimentada polo poeta, e o seu núcleo, unha imaxe.
Os recursos máis empregados son a prosopopea, o símil e a metáfora. En canto á forma, úsanse os versos de arte menor, a rima asonante e a sintaxe simple, trazos propios da poesía de imitación popular.
O representante fundamental deste ismo é Luis Amado Carballo, quen tamén seguiu unha liña impresionista. A súa obra está formada por dous libros: Proel (1927) e O galo (1928). Outros poetas, como Blanco Amor, tamén publicaron obras neste estilo.
2. O Neotrobadorismo
O Neotrobadorismo, corrente poética exclusiva da literatura galega, debe o seu nome ao carácter imitador da poesía dos cancioneiros medievais, combinado con imaxes innovadoras e recursos propios das vangardas, especialmente no que se refire a imaxes e metáforas.
O iniciador desta tendencia foi Fermín Bouza Brei co libro Nao Senlleira (1933), aínda que Álvaro Cunqueiro tamén cultivou esta corrente en obras como Cantiga que se chama ribeira (1933) e Dona de corpo delgado (1950). Non obstante, o neotrobadorismo chegou ao seu ocaso coa obra Cancioneiro de Monfero (1953) de Xosé María Álvarez Blázquez.
3. O Creacionismo
O Creacionismo foi iniciado polo poeta chileno Vicente Huidobro e ten as súas mostras na nosa cultura da man de Manuel Antonio, con dous libros: Con anacos do meu interior e Foulas. Neles combina elementos tradicionais con outros máis innovadores, como os caligramas, e mostra o seu proceso de asimilación da estética vangardista, sobre todo do cubismo.
A súa obra De catro a catro representa a culminación da súa achega á vangarda galega, a través do reflexo do verdadeiro mundo poético do autor, cheo de símbolos, imaxes e metáforas realmente innovadoras para a época, que o relacionan tamén co futurismo. Con Villadomar (1928) abandona a estética da vangarda e recupera a tradicionalista das súas primeiras obras.
Por outra parte, Manuel Antonio ten unha achega fundamental á nosa literatura a través do manifesto “Máis Alá”, que escribiu en colaboración co pintor Álvaro Cebreiro, e do “Prólogo a un libro de poemas que ninguén escribeu”, ambos ligados ao mundo poético das vangardas. Cabe mencionar tamén a achega de Álvaro Cunqueiro, que ten obras creacionistas como Mar ao norde e outras máis achegadas ao surrealismo, como Poemas do Si e Non.
As revistas literarias
As revistas literarias foron un dos medios máis importantes para a difusión das vangardas. Na literatura galega, a atracción de medios como A Nosa Terra e a revista Nós deixaron en segundo plano outras publicacións minoritarias que desenvolveron un papel moi significativo na difusión das correntes artísticas europeas en Galicia.
Algunhas das máis importantes foron:
- Alfar e Ronsel, que publicaron colaboracións doutras linguas en versión orixinal (textos de Unamuno ou Machado);
- Resol, de ámbito universitario e centrada nas tendencias surrealistas e neotrobadoristas;
- Yunque, que se centraba no Hilozoísmo e na que Lorca publicou os seus “Seis poemas galegos”;
- Cristal, que difundía a obra de Luís Amado Carballo;
- Papel de Color, que tiña como tendencias dominantes o Surrealismo e o Neotrobadorismo.
Todas elas, a pesar da súa escasa e breve difusión, tiveron un papel importante na difusión das correntes artísticas europeas en Galicia, así como á hora de demostrar que a nosa literatura pode ser moi produtiva cando confluíu con outras tendencias artísticas, neste caso o vangardismo.
Conclusión
En conclusión, as vangardas poéticas en Galicia supuxeron a asimilación das correntes europeas, que se espallaron grazas ás revistas, que ademais son a proba da forza que chegaron a ter os ismos galegos.